Verten combustible sobre un coche e préndenlle lume

O Salnés
18 de maio 2022

A Garda Civil investiga a autoría dun incendio provocado nun turismo que esta madrugada causou a alarma entre os veciños do calello do Loureiro, en Ribadumia, e motivou a mobilización dos bombeiros do parque comarcal

Intervención dos Bombeiros
Intervención dos Bombeiros / Diego Torrado

A Garda Civil investiga a autoría dun incendio provocado nun turismo que esta madrugada causou a alarma entre os veciños do calello do Loureiro, en Ribadumia, e motivou a mobilización dos bombeiros do parque comarcal.

Segundo informou a Axencia Galega de Emerxencias 112, os feitos ocorreron ao fío das seis desta madrugada, tal e como relataron as persoas que chamaron ao 112 Galicia tras observar o incendio incipiente no vehículo e unha discusión entre dúas persoas.

Efectivamente, segundo puido explicar o afectado aos axentes da Garda Civil, alguén derramou combustible sobre un coche e prendeu lume. Por fortuna, ninguén resultou ferido, e os axentes de seguridade investigan agora como se desenvolveron os feitos.

Pola súa banda, os Bombeiros de Ribadumia acudiron tras o aviso do 112 Galicia, pero á súa chegada o lume estaba apagado debido ao uso dun extintor. O incendio afectou a un foco do coche.

O responsable sería un veciño do dono do vehículo, un home de 49 anos con problemas psiquiátricos, que xa foi detido pola Garda Civil como autor dun delito de danos.