Coa primavera, os veterinarios alertan dun aumento de carrachos en mascotas debido ao clima cálido e húmido das Rías Baixas
O veterinario David Quiñones, da Clínica Aniña, en Vilaboa, explica que "é época de cría. Realmente non é que estean máis activos, é xusto cando empezan a saír todas as crías". Isto fai que non só haxa máis carrachos adultos, senón tamén un crecemento rápido de novos na contorna.
David Quiñones sinala que "as femias teñen que chupar máis sangue para alimentarse dos animais", por iso o risco de contacto con cans e gatos aumenta en paseos polo monte, praias ou zonas naturais.
Un dos aspectos que máis preocupa é a capacidade de transmisión de enfermidades deste parasito: "poden transmitir as mesmas enfermidades a animais como a humanos", comenta.
Entre esas afeccións menciona a enfermidade de Lyme, a babesiose ou a ehrlichiose. Tamén sinalou que "se está chegando a pensar que poderían chegar a transmitir leishmaniose nalgún momento", unha doenza que causa úlceras, febre e afectación de órganos.
En canto á prevención para os animais, "non hai nada 100% eficaz, o máis efectivo adoita ser a pastilla porque as pipetas están máis afectadas pola auga nos baños", comenta, algo moi importante en Pontevedra, onde moitos cans se bañan en ríos e praias.

A recomendación máis habitual é combinar o colar para protexer tamén de mosquitos e leishmaniose acompañado coa pastilla. Esta combinación axuda a cubrir mellor os distintos parasitos que aparecen nesta época.
RETIRADA SEGURA DE CARRACHOS
David Quiñones insiste en que a retirada dun carracho debe facerse con moita precaución e evitar métodos caseiros que poidan empeorar a situación.
Segundo explica, "nunca arrincalo", xa que ao facelo poden quedar partes do parasito incrustadas na pel e provocar infeccións.

Recoméndase empregar ferramentas axeitadas ou acudir a un profesional sanitario para a súa extracción segura.
Con todo, no ámbito doméstico, cando non se dispón de pinzas específicas, algunhas persoas recorren a alternativas como o uso de tesoiras, segundo sinala o veterinario.
Este método das tesoiras non é o ideal, pero explica que o importante nestes casos é conseguir que o carracho morra e caia por el mesmo, cortándoo pola metade con coidado.
"É un procedemento un pouco máis sucio, pero pode resultar máis eficaz", engade Quiñones.
VENDA DE PRODUTOS
Desde o comercio local especializado en mascotas en Pontevedra, a tenda Moisés confirma que esta situación xa se está notando : "viñeron moitas persoas, porque hai mogollón de bichería agora mesmo", comenta, referíndose ao aumento de clientes buscando protección antiparasitaria para os seus animais.
Os expertos destacan unha idea moi clara: "é o momento de protexer os animais fronte a todo", insisten en amparar as mascotas antes do problema, porque nesta época o risco é especialmente alto.