Impulso desde o Concello de Poio á realización do estudo de viabilidade do novo contrato para a xestión do saneamento e abastecemento de auga.
O goberno local ten previsto facer valer a súa maioría na corporación para validar no próximo pleno municipal este paso co que avanzar cara ao novo contrato da auga.
"É unha absoluta prioridade para o noso goberno para, deste xeito, dar resposta a problemas e carencias na rede de servizos básicos en diferentes lugares do municipio", afirma o alcalde de Poio, Ángel Moldes.
O rexedor defende que o contrato novo permitirá prestar un mellor servizo e garantir a calidade da auga.
Ademais poderase ampliar a rede en zonas como A Caeira, Vilariño ou Fragamoreira, lugares que continúan sen estes servizos básicos e aos que o novo contrato ofrecerá unha solución.
"Os veciños eran os grandes prexudicados dun contrato de auga que caducou hai sete anos, con todas as prórrogas esgotadas", asegura Moldes.
O estudo que se vai a aprobar no próximo pleno municipal trata de analizar a viabilidade de xestión indirecta do servizo de abastecemento de auga potable e rede de sumidoiros, a través dun contrato de concesión de servizos.
Unha vez aprobado en pleno abrirase un prazo de exposición pública, redactarase unha estrutura de custos, aprobarase unha ordenanza non fiscal e, no caso de que non haxa ningunha reclamación, aprobarase de maneira definitiva para sacar a licitación o próximo contrato da auga.
"Estamos ao facer en tempo récord, e estámolo conseguindo a pesar de que tivemos que iniciar o proceso desde cero", explica o alcalde.