Os antigos terreos de Tafisa volverán estar en obras nos próximos meses. O novo edificio que proxecta Metrovacesa nesta zona xa ten licenza municipal.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, deu a coñecer que a Xunta de Goberno local deu vía libre á licenza para esta promoción de vivenda privada, que sería a terceira desta inmobiliaria en Tafisa.
Insistiu o alcalde, ademais, en que, con este novo proxecto, "practicamente se remata" a urbanización do solar de Tafisa.
A promoción prevé construír 132 vivendas e 237 garaxes e, tal e como avanzou Lores, será a primeira de dous edificios paralelos. Terá forma de 'U'.
O edificio terá dous sotos; planta baixa con local comercial, vivendas e garaxes; seis plantas; e baixo cuberta.
Concedida a licenza, empezan a avanzar os prazos. Terán seis meses para iniciar a obra, dous anos para a execución propiamente dita e outro seis meses de posibles interrupcións xustificadas.
A promoción, bautizada Residencial Novolérez IV, prevé vivendas de 1 a 4 dormitorios con praza de garaxe e trasteiro. Todas as vivendas teñen terraza cuberta e os áticos dispoñen de terraza descuberta.
A promoción conta con ximnasio, local social e xardíns comunitarios.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.