Viascón agarda recibir 1.200 comensais na súa sexta Festa do Becerro Ecolóxico ao Espeto

Cerdedo Cotobade
03 de maio 2019

Xa está todo preparado en Viascón para a celebración, o domingo 12 de maio, da sexta edición da súa Festa do Becerro Ecolóxico ao Espeto. Os organizadores agardan recibir 1.200 comensais, segundo explicaron este venres na súa presentación

Presentación da Festa do Becerro Ecolóxico ao Espeto
Presentación da Festa do Becerro Ecolóxico ao Espeto / Concello de Cerdedo-Cotobade

Xa está todo preparado en Viascón para a celebración, o domingo 12 de maio, da sexta edición da súa Festa do Becerro Ecolóxico ao Espeto. Os organizadores agardan recibir 1.200 comensais, segundo explicaron este venres na súa presentación.

Ata o momento xa se venderon 500 boletos para o xantar popular, que ten un prezo de 18 euros e inclúe carne con patacas, viño ou auga, pan, café e rosca.

Ademais, seguiranse a vender os convites nos vindeiros días, ata esgotar existencias, en oito puntos da bisbarra (Casa Manolo, Supermercado Tenorio, Carnicería O Agro, Ferretería Blanco, Bar Hermida, Comercial Sívar, Agrícola Meaño e Agrícola Casal) e a través de Abanca.

A festa celebrarase baixo unha gran carpa que se instalará na contorna da Casa do Pobo e da igrexa parroquial de Viascón.

O presidente municipal de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, destaca o esforzo da comisión organizadora e loubou "o seu traballo e inxenio para obter tanto tirón de xente e consolidar de xeito importante unha festa en apenas cinco edicións".

Considera que este tipo de citas gastronómicas, das que Cerdedo-Cotobade ten un amplo calendario ao longo do ano con ata oito citas, "contribúen a atraer moita xente e son un atractivo máis do noso concello xunto co medio natural".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora