Viaxe formativa a Barcelona para 12 concellos de man da Deputación

Pontevedra
09 de novembro 2018

A delegación pontevedresa coñecerá o traballo feito para recuperar o espazo público en cidades como Barcelona, Granollers, Terrassa, Sabadell ou Sitges

César Mosquera e Uxío Benítez
César Mosquera e Uxío Benítez / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra, da man do vicepresidente César Mosquera e do deputado de Mobilidade Uxío Benítez, levará a vindeira semana a Barcelona e á súa área metropolitana a representantes de doce concellos da provincia (A Guarda, Cambados, Lalín, O Grove, Ponte Caldelas, Pontevedra, Salceda de Caselas, Silleda, Ribadumia, Valga, Vilaboa e Vilagarcía) nunha viaxe formativa sobre Mobilidade.

O departamento dirixido por Benítez, a pesares de que na provincia existen exemplos punteiros, considerou idóneo realizar a viaxe a Barcelona co fin de que os gobernos locais da provincia coñezan outros casos prácticos reais de mobilidade amable, cos seus acertos e erros, que poidan aplicarse no territorio pontevedrés con adaptación ás particularidades propias.

Ademais organizouse a asistencia a varias xornadas e congresos que se celebran a vindeira semana na cidade condal.

De feito, a viaxe coincidirá coa celebración do Smart City Expo World Congress 2018, un evento internacional sobre cidades intelixentes que cumpre este ano a súa oitava edición baixo o lema "Cidades para vivir", para subliñar o obxectivo último e común das cidades intelixentes de converterse en lugares máis habitables.

Por outra parte, a delegación pontevedresa asistirá a un evento organizado pola Deputación de Barcelona baixo o título "Contorna urbana e saúde", onde o propio César Mosquera está convidado como relator en representación do Concello de Pontevedra para falar de "Ideas básicas para a transformación práctica dunha cidade: Pontevedra". Tamén estarán a representante da Fundación Jan Gehl, Jennifer Gardner; ou a responsable de Saúde Pública da cidade de Nova York, Aletha Maybank.

Aproveitando estas xornadas, congresos e conferencias (César Mosquera tamén será o protagonista do relatorio ‘"Sabadell e Pontevedra. A cidade para as persoas", no Concello de Sabadell), o departamento de Mobilidade provincial considerou axeitado poñerse en contacto co concello de Barcelona e outros da súa área metropolitana como Granollers, Terrassa ou Sitges, co fin de que a delegación pontevedresa puidese coñecer como desenvolveron os avances de mobilidade en cada vila.