VÍDEO.- 30 militantes deixan o SAL de Sanxenxo por ser un partido "morto" ao darlle a alcaldía a Telmo Martín

Sanxenxo
10 de xuño 2017

Arredor do 40% dos integrantes de Sanxenxo Agrupación Liberal pediron a baixa do partido ao entender que Gonzalo Pita e outros dous concelleiros pactaron co Partido Popular sen consultar co resto do colectivo

Membros do SAL abandonan o partido / PontevedraViva

Ata este venres, Sanxenxo Agrupación Liberal (SAL) contaba con 70 militantes. 30 deles pediron a baixa nas últimas horas ao rexeitar que Gonzalo Pita, ex alcalde de Sanxenxo, e outros dous concelleiros da agrupación decidisen unilateralmente asinar un pacto co Partido Popular e entregar a alcaldía a Telmo Martín.

Vanesa Rodríguez Búa, que lidera este movemento, anuncia a creación dun novo proxecto político que encabezará mantendo a súa acta na corporación, como concelleira non adscrita.

"Non queremos pertencer a unhas siglas que perderon o seu sentido e a súa razón", afirma Vanesa Rodríguez Búa. Destas 30 baixas, 10 formaban parte da lista electoral coa que SAL concorría ás eleccións de 2015.

Este grupo considera que SAL "morreu a mans de quen elixiran para defendelo. Pero a pesar diso, nós seguiremos comprometidos coas palabras dadas". Apuntan que non queren distraerse con loitas internas "que non conducen a nada".

Insisten en que Gonzalo Pita, Daniel Fernández e Jesús Sueiro non consultaron cos afiliados nin cos órganos competentes do partido a decisión de asinar un pacto político para darlle a alcaldía a Telmo Martín e ao Partido Popular. Entenden que se trata dunha infracción grave recollida nos estatutos de SAL.