VÍDEO.- Alertan da presenza dun buraco profundo con auga preto do parque infantil en Lourizán

Pontevedra
27 de abril 2024

Residentes na zona denuncian que o buraco é froito dunha cata realizada por operarios de Viaqua nun regato que pasa pola parroquia pontevedresa. Sinalan que o espazo só está protexido por valados de plástico na contorna da igrexa e temen que chegue a producirse unha desgraza con algún menor de idade

Denuncian a presenza dun buraco profundo que se enche de auga en Lourizán / PontevedraViva

Residentes na contorna da Praza da Igrexa en Praceres, na parroquia pontevedresa de Lourizán, advirten da presenza dun buraco de grandes dimensións que se atopa na proximidade do parque infantil.

Segundo sinalan, a abertura é consecuencia dunha cata realizada nun regacho por operarios de Viaqua, empresa adxudicataria do servizo de abastecemento de augas en Pontevedra. 

O buraco atópase situado nas proximidades á igrexa de Praceres e a veciñanza sinala que só uns valos plásticos rodean o orificio de notables dimensións. Alertan tamén de que a auga chegou a ascender ata unha altura de dous metros dentro do oco converténdose nun pozo profundo.

Ante esta situación, demandan unha solución inmediata para evitar calquera incidente que se poida chegar a producir se un menor de idade accede de maneira accidental a esta fenda.

Ademais, os veciños indican que a Rúa do Santo continúa rexistrando inundacións de auga, o última este mesmo venres 26 cando subiu o nivel de auga, saltando os sumidoiros e mesturándose as augas pluviais coas residuais. Indican que o Concello de Pontevedra continúa sen atender as súas demandas ante un problema que se repite coas choivas.