VÍDEO.- Cerponzóns celebra o Corpus con tres campaneiros e unha alfombra floral

Pontevedra
21 de xuño 2020

Con esta actividade buscaron a preservación e valoración do toque de campás manual e apoiar unha idea de unidade cultural múltiple baseada nun patrimonio cultural diverso

VÍDEO.- Cerponzóns celebra o Corpus / Asociación de Veciños O Chedeiro

Tres campaneiros de Cerponzóns acompañaron este domingo a solemnidade do Corpus Christi con toques e repeniques propios deste día.

As circunstancias obrigaron a que este ano se reducisen os tapices florales, que se levan realizando desde hai 39 anos consecutivos, a unha soa alfombra floral, que se creou diante da igrexa parroquial de Cerponzóns.

Con esta actividade buscaron a preservación e valoración do toque de campás manual e apoiar unha idea de unidade cultural múltiple baseada nun patrimonio cultural diverso: inmoble, co campanario, moble; coas campás; e inmaterial, coa súa preservación mediante o toque manual por campaneros que interpreten as súas diferentes linguaxes sonoras.

Desde a Asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzóns explican que continúan apoiando a campaña para que o toque manual de campás sexa Patrimonio Inmaterial. Hispania Nostra, xunto con Campaners d’ Albaida e MitMac – Museu Internacional do Toc Manual de Campanes, promoven a candidatura do Toque Manual de Campás como Patrimonio Inmaterial da Humanidade pola UNESCO.