VÍDEO.- 'Equipo Ja' vence na final do XXX Certame de Murgas

Pontevedra
04 de marzo 2022

Na disputada final, a agrupación que se encargou da lectura do pregón do Entroido deste ano lograba o primeiro premio, mentres que Os do Val do Lérez quedaban en segundo lugar, seguidos por PTV e a Murga do Naveiro. A actriz María Carrera encargábase da presentación deste certame e atreveuse a emular a clásica coreografía da película 'Dirty Dancing' co tenente de alcalde, Tino Fernández

Todas as murgas participantes na final do Certame 2022 Concello de Pontevedra

'Ti dálles viño, ti dálles pan, que xa veñen os santos do Equipo Ja', con esta frase e un paso de procesión que se transformaba en festa comezaba a actuación do grupo gañador da trixésima edición do Certame de Murgas 2022. O Equipo Ja, que este ano foi o grupo encargado da lectura do pregón do Entroido pontevedrés, conseguía vencer nunha final moi disputada e con moito humor, que se celebraba no Pazo da Cultura.

A presentadora habitual desta cita do Entroido, María Carrera, animou aos asistentes con cancións entre as actuacións dos grupos e mesmo cun baile co tenente de alcalde, Tino Fernández. Ambos se atrevían a emular a coreografía de 'Time of my life' da película 'Dirty Dancing', apoiados cos aplausos do público.

O xurado decidiu que o segundo premio fose para Os do Val do Lérez; a murga PTV quedou en terceiro lugar e a Murga do Naveiro situouse en cuarta posición nun ano no que todas agrupacións participantes contaron con máis dificultades para preparar as súas intervencións debido ás restricións derivadas da pandemia. 

O esforzo destes colectivos volveu demostrar que Pontevedra é unha cidade que goza do Entroido e da ironía musical e crítica das Murgas.