O programa nAmorAndo, deseñado pola Concellaría de Igualdade para os colexios de Primaria e Secundaria de Pontevedra, foi este curso o xermolo dun proxecto audiovisual que, baixo o título 'Felices para sempre', axuda aos adolescentes pontevedres a sacar a venda negra que cobre os ollos da sociedade e impide ver a realidade da violencia de xénero.
Un total de seis mozas de Secundaria de institutos pontevedreses traballaron na letra e música da canción baixo a supervisión de Estudo Bonobo e alumnado de Primaria doutros colexios da cidade uniuse para a elaboración do videoclip.
Letra e imaxes axudan a botar por terra a excusa do 'amor romántico', que se sustenta na búsqueda dese 'Felices para sempre' que dá título ao proxecto. O resultado resulta impactante a nivel audiovisual e tamén emocional.
A coordinadora deste proxecto do Concello de Pontevedra, Jone Ojeda, indicou esta fin de semana, coincidindo coa conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Non Violencia contra a Muller, que nAmorAndo chegou a 636 alumnos e alumnas de 4º de Primaria e Secundaria de Pontevedra para traballar contra a violencia de xénero.
Os participantes dotáronse de ferramentas para rachar cos mitos do amor romántico e estereotipos sexistas, que sustentan relacións en desigualdade e de maltrato e formas de ser homes e mulleres condicionadas pola sociedade.