Hai que tomarse a situación actual con bo humor. Así o pensaron os traballadores do supermercado Lidl situado na avenida de Vigo. E coa intención de mostrar o seu optimismo ante o estado de alarma e os problemas derivados da expansión do Covid-19, o persoal deste establecemento decidiu realizar un divertido vídeo.
Durante máis de dous minutos e seguindo a idea da cabeceira da serie dos oitenta, Equipo A, o vídeo narra a situación iniciada no 13 de marzo cando se decreta o estado de alarma e como un grupo de valentes son considerados un servizo esencial.
Estes traballadores lembran que actualmente seguen en activo e aproveitan para pedir á clientela que limpen as súas mans e manteñan a distancia de seguridade, do mesmo xeito que eles tamén o fan pola saúde dos consumidores.
A continuación, o denominado Equipo A-ntivirus 838 amosa nunhas trepidantes secuencias como chegan coa súa furgoneta de cartón ao recinto para iniciar o traballo de limpeza. Nun ton paródico desinfectan todo o que atopan e eliminan os virus que se presentan polos corredores, onde non faltan compradores cos seus carros ateigados de rolos de papel hixiénico. Todo baixo a música de Mike Post e Pete Carpenter, que fixo famosa aquela serie televisiva.