"Porque nunca choveu que non escampara", o Concello de Pontevedra segue tirando do refraneiro popular galego nas súas mensaxes do Nadal.
Coa preocupación xeral diante dunha anunciada terceira onda da pandemia do coronavirus, o Concello lanza unha mensaxe de ánimo á cidadanía para asegurar que nos volveremos a atopar nas rúas, "paseando por unha vila chea de vida e futuro de comercio local e de hostalería".
O Nadal é un tempo para compartir, para estar coa familia, de maxia, agasallos e bos desexos e o goberno local lanza o seu "desta longa noite sairemos con máis luz, con toda a esperanza posta nun mundo mellor, máis próximo e máis solidario".
O vídeo insiste en que "todo comeza en nós: na nosa vida, na nosa vila".
Finalmente, o vídeo institucional desexa un feliz ano 2021 porque "merecémolo".