VIDEO.- Nenos e adultos envían cartas de ánimo a pacientes ingresados ou illados polo coronavirus

Pontevedra
31 de marzo 2020

A través destas achegas diarias, que inclúen cartas, debuxos, misivas ou historias, a iniciativa "Ao teu carón" anima a utilizar as emocións cara a fomentar actividade positiva que manteña activos aos pacientes en illamento en Pontevedra

Debuxos remitidos a pacientes de coronavirus a través da iniciativa "Ao teu carón" / Servizo Galego de Saúde

Apenas tres anos ten a participante máis nova na iniciativa "Ao teu carón", posta en marcha na área sanitaria de Pontevedra para que persoas ingresadas no hospital ou illadas nos seus domicilios polo coronavirus reciban mensaxes de apoio e ánimo.

Esta nena de Pontevedra remitiu unha das 37 cartas e 27 imaxes recibidas ata o momento.

As achegas, que se están a recibir no correo electrónico [email protected], distribuiranse agora entre os pacientes.

Recibirán así os ánimos e o agarimo de persoas anónimas en idade infantil e adulta, que amosan en conxunto un alto grao de sensibilidade e apoio coa actual situación provocada polo coronavirus na área pontevedresa.

Tamén enviaron misivas de ánimo  varios centros educativos da comarca e un centro de saúde mental infantil e xuvenil.

A través destas achegas diarias, que inclúen cartas, debuxos, misivas ou historias, a iniciativa "Ao teu carón" anima a utilizar as emocións cara a fomentar actividade positiva que manteña activos aos pacientes en illamento en Pontevedra.