VÍDEO.- Núñez Feijóo e Ana Pastor avalarán a Rafa Domínguez no Congreso Local do PP

Pontevedra
28 de xuño 2018

Tamén confirmaron a súa asistencia o presidente provincial do Partido Popular, Alfonso Rueda e o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado. O acto será durante a mañá deste sábado 30 na sede de Afundación de Pontevedra

Vídeo promocional de Rafa Domínguez #EfectoRafa / Partido Popular

O presidente da Xunta e do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, confirmou a súa presenza no acto de celebración do duodécimo Congreso Local dos populares en Pontevedra. Será este sábado 30 de xuño na sede de Afundación e xunto ao presidente popular asistirán o presidente provincial, Alfonso Rueda, o secretario autonómico, Miguel  Tellado e a presidenta do Parlamento estatal, Ana Pastor.

No acto, Rafa Domínguez erixirase como presidente da xunta local do PP de Pontevedra, ao ser o único candidato ao cargo no que substitúe a Jacobo Moreira. Está previsto que se proxecte un vídeo no que Domínguez presentará as súas propostas para o futuro tanto da agrupación política no ámbito pontevedrés como para todo o municipio, para as eleccións municipais que se celebrarán en 2019.

Os populares iniciarán previamente unha campaña a través das redes sociais cunha versión reducida do vídeo e o hashtag #EfectoRafa.