Todo foi moi rápido. Segundo as testemuñas, en cuestión de minutos o catamarán que empezou a arder entre A Toxa e O Grove sobre as 16.15 horas deste martes quedou esnaquizado e os seus pasaxeiros e tripulantes, na auga ou rescatados. Dúas horas despois, todos estaban atendidos no peirao do Grove e trasladados a distintos centros sanitarios, pero o fume seguiu saíndo do buque ata varias horas despois. Roldaban as dez da noite cando o lume deuse por extinguido.
O resultado foi que a embarcación Boramar quedou totalmente calcinada e embarrancada na zona do campo de golf do Grove sobre a que, de todos os xeitos, seguen todo tipo de tarefas de control. A conselleira de Mar, Rosa Quintana, confirmou que seguirá baixo vixilancia para comprobar se se produciu algunha contaminación asociada ao incendio.
De momento, non se constatou ningunha "mancha de contaminación". Respecto diso, cabe apuntar que, segundo a conselleira de Mar, deixouse arder controlándoa para que se consumise todo o combustible e, desa forma, evitar risco por contaminación.
O incendio na embarcación foi controlado polos bombeiros do Salnés, coa axuda dun helicóptero. Aínda unha vez apagadas as chamas, mentres o fume seguía saíndo e a embarcación, permaneceu activo un operativo de extinción, que mesmo tivo que atender algunha pequena explosión posterior antes de que o lume désese totalmente por extinguido. A continuación, os investigadores da Garda Civil trasladáronse ao barco para poder indagar nas causas do ocorrido.
A subdelegada do Goberno en Galicia, Maica Larriba, constatou que o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, estivo en permanente contacto con ela e cos servizos de emerxencia para facer seguimento ao incidente. Ademais, tanto o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, como o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, interesáronse polo suceso e o estado dos feridos e foron informados sobre o dispositivo desenvolvido e a evolución do operativo disposto para o efecto.
Ademais doutros servizos de emerxencia, como bombeiros do consorcio provincial da Deputación, 061, Protección Civil, Policía Local do Grove, embarcacións de Salvamento e Xunta de Galicia, no operativo establecido participaron 50 efectivos da Garda Civil, incluso algúns axentes que se atopaban de vacacións.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.