VIDEO.- Rescatan un mozo que caeu ao río Lérez camiño da súa casa

Pontevedra
04 de xuño 2017

Un mozo de 25 anos, veciño de Pontevedra, foi rescatado este domingo despois de que caera ao río Lérez cando regresaba a súa casa. Segundo informou a Policía Local, o suceso tivo lugar contra as sete da mañá na avenida Domingo Fontán. A muller que deu a voz de alarma explicou que o rapaz camiñaba con dificultade polo paseo e, tras apoiarse na varanda, caeu de cabeza cara o río

Rescate dun mozo que caeu ao río Lérez / Policía Local de Pontevedra

Un mozo de 25 anos, veciño de Pontevedra, foi rescatado este domingo despois de que caera ao río Lérez, no ámbito da ponte das Correntes, cando regresaba a súa casa.

Segundo informou a Policía Local, o suceso tivo lugar contra as sete da mañá na avenida Domingo Fontán. A muller que deu a voz de alarma explicou que o rapaz camiñaba con dificultade polo paseo e, tras apoiarse na varanda, caeu de cabeza cara o río.

Nun primeiro momento foi auxiliado por un axente que acababa de rematar o seu servizo e por un condutor que, alertado polos berros da muller, saíu do coche e acudiu ao rescate. Ambos non dubidaron en saltar ao río para socorrer o ferido ao ver que non se movía.

Primeiro saltaron o muro, de case tres metros, e tras caer nas rocas abríronse camiño pola canle do río para chegar ata o rapaz. A marea estaba baixa e a auga dáballes polos xeonllos.

Tras comprobar que a vítima respiraba sacárono do interior do río e comezaron a darlle asistencia. Cando os servizos de emerxencia chegaron ao lugar, o mozo estaba semi inconsciente e tiña unha brecha na cabeza pola que sangraba moito.

Tras ser atendido inicialmente alí, unha ambulancia medicalizada trasladouno ao hospital Montecelo, onde lle deron a alta horas despois tras atender as súas feridas.

Para rescatalo foi necesaria a intervención dos Bombeiros, xa que caera nunha zona de difícil e perigoso acceso. Tiveron que empregar unha padiola de rescate para poder sacalo do río.