VÍDEO.- Riada en Pardavila ocasionada polas fortes chuvias da tormenta

Marín
18 de setembro 2020

Debido as precipitacións que se rexistraban durante a tarde deste xoves nas Rías Baixas, a parroquia de San Xián en Marín sufría asolagamentos na estrada e tamén en diferentes propiedades privadas. O BNG de Marín denuncia que esta situación é consecuencia das obras da senda peonil e do problema da recollida de augas

A treboada provoca asolagamentos en Pardavila / PontevedraViva

O lugar de  Pardavila, na parroquia de San Xián en Marín convertíase na tarde deste xoves nun río no tramo polo que transcorre a estrada PO-313. A veciñanza gravaba vídeos nos que se observa como a forza da choiva provocaba desprendementos de terra e de pequenas pedras que transcorrían pola vía con forza.

A tormenta provocaba inundacións tanto na estrada como en propiedades privadas por onde se filtraba a auga. O BNG de Marín recollía as queixas veciñais polos danos e denuncia que esta situación débese ás obras que a Xunta de Galicia está a acometer para crear unha senda peonil entre Coirados e Pardavila.

Sinalan que existe un problema na recollida de augas na variante de Marín e no monte que, ante fortes choivas, provoca estes asolagamentos que afectan o tráfico rodado e aos residentes na zona.

A Consellería de Infraestruturas e  Mobilidade comezaba en xullo deste 2020 estas obras para crear unha senda peonil e ciclista cun investimento de máis de 570.000 euros. Estes traballos contemplaban, entre outras melloras, a instalación dunha nova rede de drenaxe.