VÍDEO.- Traballadores de ENCE rebentan o pregón da Peregrina e acosan á corporación municipal

Pontevedra
07 de agosto 2021

A unidade de Antidisturbios da Policía Nacional tivo que escoltar á corporación e á presidenta provincial tras o acto, con momentos de tensión e intentos de agresión cara ao alcalde da cidade. Un músico, ferido nun oído polo lanzamento de petardos desde a protesta

A corporación municipal e a presidenta provincial, escoltados tras o pregón da Peregrina / PontevedraViva

Escoltados polos axentes dos Antidisturbios da Policia Nacional e persoal da Policía Local e no medio de insultos e intentos de agresión. Así abandonou a corporación municipal e tamén a presidenta da Deputación o palco da Alameda onde se daba inicio ás Festas da Peregrina co pregón de Violeta Mosquera.

Os traballadores de ENCE adiantaran a súa intención de acudir este sábado ao pregón, e a pesar das súas declaracións previas asegurando que só querían "visibilizar nuestra protesta" terminaron por rebentar o acto vivíndose escenas de moita tensión e agresividade, especialmente cara ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

Facendo uso de bucinas e de petardos, os empregados da pasteira trataron de dificultar o acto desde a chegada dos responsables municipais.  

"Nosotros sosmos trabajadores. Ni somos terroristas ni kale borrokas, como se nos ha acusado, y lo que vamos a hacer hoy es expresar nuestro malestar, nuestra indignación y nuestra preocupación. Se lo vamos a transmitir al mayor responsable de esta situación, porque no nos olvidemos que el señor Lores con toda la corporación local ha sido el que ha presentado el recurso ante la Audiencia Nacional", explicaba antes de iniciarse o pregón Ana Cedeira como representación do comité de empresa de ENCE.

Esa declaración de intencións quedou despois embazada polo acontecido. Os berros e petardazos non cesaron durante o discurso da pregoeira, e tras a finalización desmontaron os valos que lles afastaban do palco da Alameda para cercar o recinto. 

A tensión seguiu crecendo ata a saída da corporación, que tivo que refuxiarse na cafetería El Cafetín, permanecendo nela máis dunha hora.

Trátase da segunda vez que se producen actos violentos contra a corporación municipal, tras a ocupación do Concello o pasado mes de marzo que terminou tamén cos representantes do goberno local escoltados.

Nesta ocasión ademais a portavoz municipal, Carme da Silva, confirmou que un dos músicos que participaban no pregón resultou ferido por mor dos petardos lanzados na parte traseira do palco. "Tén danos no oído, non sabemos da magnitude", sinalou sobre este detalle lembrando que alí se atopaba "xente que estaba traballando, que é unha falta de respecto absoluta"

Pola súa banda a representación laboral de ENCE asegurou que esta protesta "non vai a ser a única cocentración este mes de agosto".

Arquivado en