O Concello de Vilaboa abriu o prazo de inscrición para participar na cuarta edición do seu Concurso de Decoración e Iluminación de Nadal, unha iniciativa que ano tras ano chea de cor e alegría as rúas do municipio.
Nesta ocasión, o concurso adquire un significado especial ao incluír o I Memorial Gonzalo Gondar, en honra a este veciño de Cabadachán, falecido recentemente, que foi un gran impulsor da tradición do Nadal e a convivencia veciñal.
Gonzalo Gondar foi o encargado de contaxiar a ilusión do Nadal entre toda a veciñanza e de instalar o pasado ano a Estrela de Nadal máis alto do mundo sostida por corazóns.
O memorial terá un premio propio que consistirá nunha cesta de produtos típicos á vivenda mellor adornada, onde se recolla o espírito de vivir e sentir esta festa.
A maiores, o concurso centrarase na participación colectiva. Os veciños e veciñas de Vilaboa terán que formar grupos para crear decoracións do Nadal orixinais e sostibles utilizando materiais reciclados. Valorarase a creatividade, a sensibilidade cara ao medio ambiente e o traballo en equipo.
En total haberá tres premios dotados con 200 euros cada un, que serán entregados o día 23 de decembro.
As persoas interesadas en participar deberán formalizar a súa inscrición até o 9 de decembro a través do Rexistro do Concello ou do correo electrónico [email protected].
Un xurado integrado por membros da administración local, polo alcalde de Vilaboa ou persoa na que delegue e por un membro de cada partido político con representación na Corporación visitará as composicións a partir de 17 de decembro e valorará o deseño, orixinalidade, iluminación, fomento de valores locais e cantidade e tipoloxía dos materiais de reciclaxe empregados.