Vilaboa converterá a canteira de Paredes nunha área para practicar escalada e montañismo

Vilaboa
27 de xaneiro 2025

A incorporación destes terreos ao inventario municipal permite ao goberno local avanzar no proxecto de desenvolvemento integral para Vilaboa que inclúe acondicionar catro grandes áreas recreativas

Canteira de Paredes
Canteira de Paredes / CanteiraFest

O monte da Raposeira, no que se atopa a canteira de Paredes, xa é de titularidade municipal. O Concello acordou coa comunidade de montes de Vilaboa a cesión indefinida deste espazo.

Son, en concreto, dúas parcelas que no seu conxunto suman 49.847 metros cadrados e que pasan a mans do Concello para dedicarse a actividades deportivas e ocupación do tempo libre.

O contido do convenio recolle o compromiso do goberno municipal de manter en bo estado tanto os terreos como as edificacións que se constrúan neles, así como a redacción dun proxecto para a posta en valor de todo o entorno.

Este proxecto, entre outras cousas, deberá incluír o peche de todo o perímetro da parcela cedida, así como o aproveitamento das paredes da antiga canteira como zona de escalada e practica do montañismo e outras actividades deportivas e de lecer o aire libre adecuadas o entorno.

O convenio, asinado polo presidente da comunidade de montes, José Luis López García, e o alcalde de Vilaboa, César Poza, reserva un local na Casa de Cultura para os comuneiros e o compromiso municipal da reforma da entrada e a mellora do sistema de desaugue da lagoa.

Firma del convenio entre los comuneros de Vilaboa y el Concello por la cantera de Paredes
Firma del convenio entre los comuneros de Vilaboa y el Concello por la cantera de ParedesConcello de Vilaboa

A incorporación destes terreos ao inventario municipal permite ao goberno local avanzar no proxecto de desenvolvemento integral para Vilaboa que inclúe acondicionar catro grandes áreas recreativas en Figueirido, A Canteira de Paredes, Riomaior e a Praza do Concello no Toural.

Trátase, segundo destacou Poza, de grandes espazos públicos abertos, orientados o lecer e a actividades deportivas e de tempo libre, que se complementan entre si e ao mesmo tempo favorecen o encontro social e a dinamización entre as parroquias.

Así, o parque de Figueirido contará cun auditorio ao aire libre e unha pista multideporte e a inminente reforma do parque de Riomaior dotará a este espazo de elementos e xogos para todas as idades destacando unha grada cuberta entre a pista de tenis e futura pista multideporte.

A canteira será unha gran zona verde con actividades para o deporte e tempo libre, entre elas unha pista de pumptrack, e a futura Praza do Concello será un punto de encontro sobre o que pivotará o futuro núcleo de centralidade de Vilaboa.