Vilaboa destina máis de 50.000 euros a reasfaltar as pistas do Costal e Muiño

Vilaboa
16 de febreiro 2022

A actuación inclúe a renovación do firme, canalización das augas pluviais e a mellora da sinalización vertical e horizontal

Pistas deterioradas en Vilaboa
Pistas deterioradas en Vilaboa / Concello de Vilaboa

O Concello de Vilaboa inclúe no seu plan de reasfaltados os viais de O Costal e Muiño, traballos que comezarán nos vindeiros días e que contan cun orzamento que supera os 53.300 euros.

En ambos casos trátase de camiños con fortes pendentes que presentan un avanzado estado de deterioro da capa de rodadura, máis visible na pista de O Muiño, que transcorre paralela á AP-9 por ambas marxes. Tamén están en mal estado as canalizacións de augas pluviais, con tramos de diferente natureza, desde prefabricadas, in situ ou sobre o terreo natural.

A actuación proxectada respetará os límites existentes aplicando un reasfaltado mediante firme a base de aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor, previo barrido do firme e aperturas de caixa con formación de base granular de zahorra 

Os traballos inclúen a renovación da sinalización horizontal e vertical. Para mellorar a drenaxe proxéctase a limpeza das marxes, incluindo a apertura das cunetas e actuarase de forma puntual na rede mediante a instalación de tramos de reixa e salvacunetas.

A actuación nestes dous viais completa a xa anunciada na carretera de Postemirón, na que o Concello investirá 43.000 euros para mellorar o firme e mellorar a canalización das pluviais, para evitar que as augas da choiva deterioren a capa de rodadura.