Vilaboa é líder en Galicia na implantación da compostaxe

Vilaboa
15 de xullo 2021

O concello de Vilaboa e a Deputación de Pontevedra a través do Plan Revitaliza queren agradecer o esforzo da veciñanza que ao longo dos últimos 4 anos fixeron que hoxe Vilaboa sexa líder en Galicia na implantación da compostaxe como método de xestión de residuos contribuindo a frear o cambio climático

Campaña "Vilaboa grazas de todo corazón"
Campaña "Vilaboa grazas de todo corazón" / Amigos da Terra

O concello de Vilaboa e a Deputación de Pontevedra a través do Plan Revitaliza queren agradecer o esforzo da veciñanza que ao longo dos últimos 4 anos fixeron que hoxe Vilaboa sexa líder en Galicia na implantación da compostaxe como método de xestión de residuos contribuíndo a frear o cambio climático.

Para isto, o Concello estrea este venres a campaña de educación ambiental e comunicación baixo o lema "Vilaboa grazas de todo corazón".

A campaña, que contou coa asociación ambientalista Amigos da Terra para a súa organización, componse dunha serie de videos grabados co público protagonista deste proxecto que irán saíndo ao longo de todo o mes e un calendario de produtos de tempada que se enviarán a cada casa de todas as persoas do municipio.

Familias, centros de ensino, hostelería, restauración e empresas, son as protagonistas dos videos e dos bos resultados deste proxecto que deu comezo hai 4 anos e que conseguiu que hoxe se xestione o 75% da materia orgánica in situ, en vivendas e empresas evitando asi que centos de toneladas de residuos viaxen ata Sogama e ao mesmo tempo, reducindo as emisións de gases de efecto invernadoiro. 

"Grazas á compostaxe en Vilaboa, redúcense anualmente 230 Toneladas de CO2 ao ano, isto sería como viaxar en coche á lúa 5 veces", declara Cesar Poza, alcalde de Vilaboa.

Dende o Concello agradecen o esforzo de todas as persoas que traballaron dende o local buscando un beneficio global e animar aos que faltan a formar parte deste gran equipo. 

A campaña inclúe tamén o envío a todas as vivendas do concello de un tríptico no que coñecer todos os servizos que ofrece o plan de compostaxe de Vilaboa, así como un calendario de produtos de tempada que serve de guía para coñecer cal é a mellor época para consumir cada alimento no seu estado óptimo de maduración.

Co seu esforzo Vilaboa é o concello de Galicia que máis se achega aos obxectivos de reciclaxe marcados pola Directiva Europea de residuos.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora