Vilaboa pecha un orzamento de 3 millóns tras o acordo entre PSOE e PP

Vilaboa
07 de maio 2021

Ata os 3.090.000 euros ascenderá o orzamento municipal de Vilaboa para 2021. Será aprobado pola corporación tras o acordo alcanzado entre PSOE e PP, despois de que o goberno local aceptara introducir varias das emendas presentadas polos populares

César Poza, alcalde de Vilaboa; e Alberto Acuña, portavoz do PP
César Poza, alcalde de Vilaboa; e Alberto Acuña, portavoz do PP / Concello de Vilaboa

Ata os 3.090.000 euros ascenderá o orzamento municipal de Vilaboa para 2021. Será aprobado pola corporación tras o acordo alcanzado entre PSOE e PP, despois de que o goberno local aceptara introducir varias das emendas presentadas polos populares.

O grupo de goberno que lidera César Poza, que tamén ofreceu un acordo ao BNG, encontrou no PP o respaldo suficiente para sacar adiante estes orzamentos.

Así, o acordo inclúe a finalización da rede de abastecemento de auga Picho-Toural-Acuña, a pista principal Pazos-Sobreira e a rede de saneamento do Concello. A maiores, o goberno municipal consensuará co PP o investimento do remanente do Plan Concellos da Deputación.

Haberá tamén unha partida de apoio ao comercio local de 30.000 euros que se rexerá por unhas bases que o goberno socialista negociará co Partido Popular e un convenio de 10.000 euros coa confraría de pescadores Pedra de Oliveira para adquirir semente.

O orzamento de 2021, en virtude deste pacto, incluirá un incremento da partida para a Escola de Música de Vilaboa, que pasará aos 18.000 euros durante os próximos tres anos; a banda de gaitas da AC Cobres recibirá 6.000 euros a través dun convenio a catro anos e para o Entroido de Cobres destinarase unha partida de 12.000 durante o mesmo período. 

Vaise a establecer tamén unha partida de 10.000 euros para axudas ao deporte base que se distribuirán seguindo as bases que se aprobarán en pleno.