Vilaboa pide a Educación que asuma os custes da limpeza e do mantemento do CPI do Toural

Vilaboa
17 de xuño 2021

O alcalde César Poza advirte que a administración local carece de competencias para prestar este servizo e confía en que sexa o último ano no que teña que asumilo

Visita ás obras do CPI O Toural
Visita ás obras do CPI O Toural / Xunta de Galicia

O Concello de Vilaboa solicitou por escrito á Consellería de Educación que asuma os custes de limpeza e mantemento do Centro Público Integrado do Toural asumindo as competencias que se lle atribúen por lei e que ven soportando a administración local co conseguinte desgaste económico. 

O Concello solicita que se asine un novo convenio no que Educación asume o custe laboral das dúas limpiadoras e un conserxe "ou ben que asuma directamente todo o servizo con persoal propio". De non alcanzar un acordo a administración local baralla deixar de asumir estas tarefas. 

O alcalde de Vilaboa, César Poza confía en que as conversas con Educación den froito e este sexa o último ano no que o Concello teña que asumir estes custes nun centro no que é maioritario o alumnado de Educación Secundaria.

O Concello solicita tamén unha "compensación" por ter asumido estas tarefas durante todo este ano que ten valoradas en 81.291 euros correspondentes aos salarios do persoal de limpeza e conserxería e ao reforzo de limpeza e desinfección do centro educativo derivado da aplicación do protocolo preventivo da Covid-19 aprobado este ano.

Desta cantidade o Concello de Vilaboa recibiu, a través do convenio asinado coa Consellería e a Federación Galega de Municipios e Provincias, 22.922 euros; a mesma cantidade que en 2019 e que supón o 28% do custe total, derivando nas arcas municipais o 72% restante.

César Poza, alcalde de Vilaboa, recorda ademais que "o Concello non só está afrontando o mantemento senón tamén parte dos novos investimentos, necesarios para o correcto funcionamento das instalacións", e como exemplo pon o novo parque de Educación Infantil no centro educativo.

O Concello de Vilaboa recorda que no CPI do Toural están matriculados 325 alumnos dos que 20 cursan Infantil; 137 Primaria e 168 Secundaria, supoñendo o alumnado da ESO o 51,69% do total do centro.