Vilaboa reforza a área de Medio Ambiente para intensificar a prevención de incendios

Vilaboa
19 de febreiro 2026
Actualizado: 13:37

O Concello incorporou a un técnico interino e a un contrato de formación dun ano de duración, que se centrará nos lugares de Sobreira, Vilar e A Graña

Departamento de Medio Ambiente do Concello de Vilaboa
Departamento de Medio Ambiente do Concello de Vilaboa / Concello de Vilaboa

O Concello de Vilaboa reforzou o seu Departamento de Medio Ambiente coa incorporación dun técnico interino e dun contrato de formación dun ano de duración.

O obxectivo, sinalan, é traballar na xestión da biomasa con carácter preventivo, mellorar a seguridade da veciñanza e reducir o risco de incendios forestais nos núcleos máis vulnerables do municipio.

O novo equipo centrará o seu labor inicial nos lugares de Sobreira, Vilar e A Graña, tres zonas consideradas prioritarias pola súa elevada exposición tanto a lumes como ás consecuencias dos últimos temporais.

O traballo está directamente coordinado polo alcalde, César Poza, quen subliña que "a seguridade xeral da veciñanza está por riba da desidia dalgúns propietarios que manteñen especies pirófitas como piñeiros ou eucaliptos demasiado preto das estradas".

Doutra banda, o equipo de Medio Ambiente empezou a actualizar os expedientes abertos por incidencias relacionadas coa necesidade de cortar especies pirófitas en parcelas próximas a viarios públicos.

O Concello está a revisar caso por caso xa que cada expediente se atopa nun punto distinto de tramitación.

Tras comunicarse cos propietarios, iniciará o procedemento sancionador para quen incumpra a normativa vixente. "Imos actuar con contundencia", afirmou o rexedor.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora