Vilaboa reserva máis de 654.000 euros para investimentos municipais en 2025

Vilaboa
01 de marzo 2025

Haberá obras e melloras en todas as parroquias do municipio, segundo adianta o alcalde, César Poza, especialmente en infraestruturas, saneamento ou a recuperación do patrimonio

Traballos de limpeza do Muíño do Toxal
Traballos de limpeza do Muíño do Toxal / Vaipolorío

O orzamento municipal de Vilaboa para o ano 2025 reservará unha partida de 414.500 euros para acometer diferentes obras e melloras en todas as parroquias do municipio.

A estes cartos, segundo destaca o alcalde, César Poza, hai que sumar outros 240.000 euros para a limpieza e funcionamento da rede de saneamento, o que fai un total de 654.500 euros.

As contas para 2025 recollen tamén un investimento importante na mellora de infraestruturas utilizadas a diario pola poboación infantil, destacando 40.000 euros para obras de reparación nas escolas infantís e outros 40.000 para unha pista de pump track na canteira de Paredes.

Outros 30.000 euros para saneamento, 48.000 euros para acondicionar o miradoiro do Monte do Cabalo ou 45.000 para a recuperación do muiño do Toxal no río do Gafos forman tamén parte das actuacións previstas para este ano 2025.

O investimento en terreos e na mellora de infraestruturas suman unha partida de 110.000 euros nun orzamento que recolle partidas simbólicas para obras importantes como son a reforma da Casa de Cultura de Riomaior e a remodelación do parque público situado ao seu carón.

Outra partida importante recollida no documento económico é a que corresponde ao servizo de limpeza da rede de saneamento e que ascende a 240.000 euros, unha actuación pensada para evitar desbordamentos e filtracións.

A dotación dunha extensa rede de abastecemento de auga a todo o municipio é un dos retos que se prantexa o goberno local e que depende, en grande medida, da posta en marcha do ente supramunicipal liderado por Acuaes e que permitirá achegar ata Vilaboa a captación do río Lérez.

Para participar neste proxecto o orzamento de Vilaboa recolle unha partida de 55.000 euros.

A modificación puntual do PXOM conta tamén cunha partida específica de 15.000 euros que facilitarán a súa tramitación para corrixir erros puntuais detectados en diferentes aspectos do planeamento.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora