As intensas choivas que están a acompañar á borrasca Joseph están a provocar numerosas incidencias e entre os municipios máis afectados está, sen dúbida, o de Vilaboa.
A situación é "critica", sostén o alcalde, César Poza, sobre todo na zona de Riomaior, onde o río rexistrou unha subida "preocupante" do seu caudal.
"Hai auga por todos os lados", recoñece o rexedor, que pediu "especial atención" aos cidadáns para evitar as zonas máis afectadas.
As incidencias, que están a ser atendidas o máis axiña posible, multiplícanse por todo o municipio, con especial afectación ás estradas.
Así, en Santa Marta tívose que cortar o tráfico á altura do río Toxal, en Sobreira e O Rial hai "dificultades" en todos os viarios de baixada e en Santa Cristina e San Adrián hai varios camiños con problemas de circulación.
Un dos lugares máis afectados é a estrada N-554, que presenta numerosas balsas de auga sobre a calzada que pon en risco a seguridade dos seus usuarios.
A este respecto, desde o goberno municipal alertaron ao departamento de conservación de estradas para pedirlles que actúen "con rapidez" ao ser unha vía transversal no municipio.
César Poza afirma que todos os servizos de emerxencias de Vilaboa, entre eles Policía Local, Protección Civil e as brigadas municipais, están "en alerta permanente" para atender calquera incidencia, pero teme que estes recursos non sexan suficientes.
Por ese motivo, o alcalde pediu á Xunta de Galicia que decrete o nivel 2 de emerxencias en Vilaboa e que envíe medios para poder responder a todas as incidencias.
Ademais, solicitou que se suspendan as actividades lectivas este martes ante a previsión de que este adverso meteorolóxico se manteña ata "ben entrada" a madrugada.
Esta situación, segundo o Concello, provoca que "non se poida garantir" que se atendan todas as incidencias que se rexistren nos accesos e inmediacións dos colexios.