O Concello de Vilagarcía toma nota das reclamacións de Greenpeace achega do proxecto de humanización da rúa Arcebispo Lago e accede a manter unha reunión con integrantes do colectivo para coñecer as súas reflexións e recomendacións sobre o futuro das cidades e, ao mesmo tempo, darlles a coñecer de primeira man as políticas de humanizacións e desenvolvemento sostible que vén o goberno local vén aplicando nos últimos anos.
O executivo de Alberto Varela comparte a filosofía de que cada vez as zonas verdes sexan maiores, pero lembra que unha cousa son os novos desenvolvementos urbanos, onde si se poden establecer porcentaxes que garantan esa ampliación, e outra ben distinta é aplicar eses criterios sobre estruturas xa existentes, como é o caso de Arcebispo Lago, na que Greenpeace centra a súa crítica.
Nunha cidade as zonas verdes son unha parte fundamental, pero de igual xeito o son os espazos para circular, as zonas de carga e descarga, os accesos a garaxes, as terrazas de establecementos hostaleiros ou o mobiliario urbano, segundo o goberno municipal.
Polo tanto, nun espazo xa consolidado hai que establecer un equilibrio entre o verde e a vida diaria. E iso é o que se ten feito tanto na praza de Galicia coma pronto en Arcebispo Lago e máis adiante, Conde de Vallellano, argumentan desde o Concello.
No caso de Arcebispo Lago, a superficie gañada para os peóns suman 2.000 metros, dos que un 25% son elementos de auga e vexetación.
A conxunción da presenza da auga como recordo da marisma, a vexetación de ribeira, os espazos de lecer, a accesibilidade humana, os accesos aos garaxes e os dereitos dos negocios existentes son o que define o proxecto do Concello para Arcebispo Lago. Un proxecto que contribuirá á descarbonización do medio ambiente.
Ademais, recordan desde o executivo municipal que nos últimos seis anos se plantaron un milleiro de árbores e que o novo PXOM prevé elevar a 545.287 os metros cadrados reservados como zonas verdes, máis do dobre da superficie existente na actualidade. Aínda así, sinala Varela que "non hai que esquecer que nas cidades viven persoas cunhas necesidades determinadas en canto a mobilidade e accesibilidade".