Vilagarcía anuncia como será a súa Cabalgata de Reis en movemento

O Salnés
03 de xaneiro 2022

O principal cambio atinxe ao número de participantes. Haberá unha redución do número de rapaces e rapazas que acompañarán aos Reis Magos nas súas carrozas e tamén do número de participantes na comitiva, que este ano non lanzará caramelos para evitar que se concentre un alto volume de persoas á hora de collelos

Cabalgata dos Reis Magos en Vilagarcía
Cabalgata dos Reis Magos en Vilagarcía

Despois de que o ano pasado fose necesario suspender a Cabalgata de Reis, o Concello de Vilagarcía informa que para este 5 de xaneiro manterá a tradicional cabalgata, pero introducindo algúns cambios para garantir a seguridade de participantes e público.

O principal cambio atinxe ao número de participantes. Haberá unha redución do número de rapaces e rapazas que acompañarán aos Reis Magos nas súas carrozas e tamén do número de participantes na comitiva que acompañará a Melchor, Gaspar e Baltasar no seu percorrido pola cidade.

Desde a Concellería de Cultura tamén se informa de que este ano non se lanzarán caramelos para evitar que se concentre un alto volume de persoas á hora de collelos. Por esta mesma razón, tampouco haberá Belén Vivinte fronte ao Consistorio nin o tradicional saúdo e discurso dos Reis ao público que se reunía en Ravella ao remate do desfile.

Neste punto, dende o Concello prégase á xente que acuda a ver o desfile que evite as aglomeracións e que, na medida do posible, garden as distancias de seguridade. O servizo municipal de Emerxencias percorrerá as rúas da cidade dende as cinco da tarde para lembrar as recomendacións de seguridade mediante megafonía.

PERCORRIDO

A Cabalgata sairá ás 19.00 horas da Praza da II República para dirixirse pola Avenida da Mariña cara a Conde Vallellano, Praza de Galicia e Arcebispo Lago para continuar por Alejandro Cerecedo e dobrar pola avenida Doutor Tourón cara a Praza de España. O desfile seguirá por Edelmiro Trillo, Padre Feijoo e Arapiles, para rematar na Praza de Ravella (no lateral do Consisitorio).

AVISO DA POLICÍA

Con motivo da celebración da Cabalgata, a Policía Local lembra que os estacionamentos das rúas polas que pasará a comitiva deberán quedar totalmente libres de coches antes das 17.00 horas do mércores 5 de xaneiro. A partir dese momento, o guindastre retirará os vehículos que permanezan na zona e tamén a esa hora comezarán os peches ao tráfico rodado pola zona da Avenida da Mariña comprendida entre os cruces coa Rúa Elpidio Villaverde e co de Rivero de Aguilar (nas inmediacións da rotonda do Ramal).