Vilagarcía e Cambados quedan fóra do II Plan Extra da Deputación

O Salnés
16 de marzo 2026

As axudas oscilarán entre 220.000 e 1,1 millóns de euros por municipio. O resto dos concellos de menos de 50.000 habitantes que solicitaron a axuda recibirán fondos

Luis López e Alberto Varela Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra iniciou o proceso para repartir os fondos do II Plan Extra, un programa que mobilizará preto de 37 millóns de euros para financiar proxectos estratéxicos en 57 concellos da provincia.

As axudas oscilarán entre 220.000 e 1,1 millóns de euros por municipio e permitirán completar actuacións que, en conxunto, mobilizarán ata 54 millóns de euros.

Os proxectos inclúen humanizacións e rexeneración urbana, melloras de mobilidade rural, recuperación de espazos naturais, áreas recreativas e deportivas, eficiencia enerxética, accesibilidade ou rehabilitación de infraestruturas públicas. O obxectivo é impulsar iniciativas que contribúan ao desenvolvemento local, ao equilibrio territorial e á fixación de poboación.

Todos os concellos de menos de 50.000 habitantes que solicitaron a axuda recibirán fondos, agás Vilagarcía de Arousa e Cambados, excluídos por incumprimentos das bases.

No caso de Vilagarcía, o Concello solicitara fondos para a humanización da rúa Aduana, no barrio de Carril, pero o informe técnico do servizo de Cooperación da Deputación considera que o proxecto presentado era "incompleto e inexecutable", ao tratarse dun documento básico e non dun proxecto de execución.

Desde o organismo provincial indicaron que se requiriu ao Concello documentación adicional (entre ela a definición do planeamento urbanístico afectado, planos de situación, a xustificación da declaración de impacto ambiental e o cumprimento da normativa de accesibilidade), pero unha vez rematado o prazo de emenda, a documentación achegada non incluía a maior parte destes elementos, polo que finalmente non se concedeu a subvención.

O alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela Paz, expresou a súa sorpresa pola decisión da Deputación e criticou que o Concello tivese coñecemento da exclusión a través dos medios de comunicación.

"A día de hoxe este Concello carece de comunicación oficial da resolución, o que, cando menos, non se corresponde co debido trato que debe existir entre administracións", sinalou o rexedor.

Varela asegurou que, unha vez reciban a notificación formal, os servizos xurídicos e técnicos municipais avaliarán a resolución e estudarán a posibilidade de recorrela, ao considerar que a perda destes fondos supón un prexuízo para o municipio e especialmente para a veciñanza de Carril.

En todo caso, o alcalde quixo lanzar unha mensaxe de tranquilidade sinalando que a obra de humanización da rúa Aduana executarase igualmente con fondos municipais se é preciso. "Que non lles caiba a menor dúbida", afirmou.

Pola súa banda, o Concello de Cambados solicitara financiamento para acondicionar a contorna do Pombal como zona de xogos ao aire libre. Con todo, a proposta non cumpría o requisito mínimo de investimento esixido pola convocatoria xa que o orzamento debía superar os 450.000 euros, mentres que o proxecto presentado ascendía a 429.989 euros.

A previsión é que as contías do II Plan Extra sexan aprobadas no pleno ordinario do organismo provincial previsto para o venres 27 de marzo.