Vilagarcía, con 46 casos de violencia de xénero activos, asina o novo pacto de colaboración entre corpos de seguridade do Estado

O Salnés
21 de abril 2021

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu a Xunta Local de Seguridade na que se asinou un acordo que permitirá asignar máis efectivos á loita contra a violencia machista e á protección das vítimas

O Concello de Vilagarcía asina o novo protocolo de colaboración entre forzas e corpos de seguridade do Estado para loitar contra a violencia de xénero
O Concello de Vilagarcía asina o novo protocolo de colaboración entre forzas e corpos de seguridade do Estado para loitar contra a violencia de xénero / Subdelegación do Goberno

A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, presidiu este mércores a Xunta Local de Seguridade do Concello de Vilagarcía na que se subscribiu o novo protocolo de colaboración entre as forzas e corpos de seguridade do Estado e a Policía Local no marco do programa de seguimento integral das vítimas de violencia machista. O acordo foi asinado tamén polo alcalde da cidade, Alberto Varela, e a comisaria provincial de Pontevedra, Estíbaliz Palma.

O de Vilagarcía é o sétimo concello da provincia que renova este documento imprescindible para permanecer dentro do Sistema Vioxen. O novo protocolo recolle a repartición de funcións e asignacións de vítimas entre os distintos corpos de seguridade e adecúase ás referencias normativas actuais.

Despois de agradecer a colaboración do goberno local e poñer en valor o traballo da Policía Nacional, Maica Larriba destacou que o novo pacto permite "sumar máis efectivos e recursos á protección das vítimas".

Na actualidade, a Policía Nacional realiza o seguimento de 36 vítimas da localidade, mentres que a Policía Local, o de 10. Segundo os datos que figuran no sistema Vioxen, en Vilagarcía de Arousa contabilízanse 46 casos activos de violencia de xénero, o que supón case o 4,02 % dos casos activos na provincia e o 63 % dos casos activos en todo o partido xudicial.

No que vai de ano, déronse de alta 12 casos no sistema, dos que 7 seguen vixentes. Ademais, 44 das 46 vítimas contan con algún tipo de orde de protección e o 43 % delas teñen entre 31 e 45 anos. O 47 % dos agresores sitúase tamén na mesma franxa de idade.

No referente a nivel de risco, dúas das vítimas están no nivel alto, 10, no medio; 21, no baixo; e 13 como non apreciado. 

O partido xudicial de Vilagarcía, rexistra en total 73 casos: 46 en Vilagarcía, 10 en Catoira, 6 na Illa e 11 en Vilanova.