Vilagarcía contratará a cinco traballadores para formar a brigada contra incendios forestais

O Salnés
08 de agosto 2025
Actualizado: 10:25

A duración do contrato é de 3 meses. A selección realizaranse o luns 11 de agosto a partir das 9:30 horas no Auditorio Municipal

Curso de técnicos de brigada helitransportada contra incendios forestais
Curso de técnicos de brigada helitransportada contra incendios forestais

O Concello de Vilagarcía de Arousa ven de anunciar este venres que contratará a cinco traballadores para formar parte da brigada contra incendios forestais.

Será a través do convenio de colaboración asinado coa Consellería de Medio Rural, no marco do Programa Temporal 2025.

A brigada estará composta por cinco traballadores, que serán contratados durante tres meses para desenvolver as tarefas de prevención e extinción lumes nos montes do municipio.

A selección do persoal levarase a cabo o luns 11 de agosto no Auditorio Municipal a partir das 09:30 horas. Os aspirantes deberán presentarse co DNI, o currículo debidamente xustificado con documentos orixinais (estudos, cursos, etc.), e roupa deportiva apta para realizar as probas físicas.

Os postos convocados correspóndense con un xefe de brigada (grupo C1), un condutor (AP) e tres peóns (AP). Os requisitos que deben cumprir para poder presentarse están recollidos nas bases da convocatoria na sede.vilagarcia.gal, apartado de Recursos Humanos, e dentro deste, no de Procesos Selectivos.

A maiores, ao tratarse dun concurso-oposición de acceso libre, o luns deberán pasar tres probas. A primeira será de carácter teórica, obrigatoria e eliminatoria, na que se avaliarán os coñecementos dos aspirantes sobre o temario. Deberán resolver un exame tipo test con 20 preguntas que será puntuado de 0 a 10.

A segunda fase, tamén obrigatoria e eliminatoria, son as probas físicas que se cualificarán cun apto/non apto.

Por último, deberán pasar unha proba de galego. O Tribunal avaliará os méritos que aleguen os aspirantes, que deben estar debidamente xustificados e ata un máximo de 5 puntos.

Os resultados publicaranse ao longo do propio día e a incorporación farase de xeito inmediato.