Vilagarcía critica a demora da alerta sanitaria tras detectar contaminación en Canelas

O Salnés
20 de xullo 2026

O Concello manterá a recomendación de non bañarse na zona mentres non se dispoña de novos resultados que acrediten que a calidade da auga volveu aos parámetros esixidos.

Bañista
Bañista /

O Concello de Vilagarcía recibiu este luns unha comunicación da Xunta de Galicia na que se alerta da presenza de escherichia coli por riba dos límites permitidos na cala de Canelas, en Sobradelo, polo que se desaconsella o baño ata que as próximas análises confirmen a recuperación da calidade da auga.

Tras recibir o aviso, axentes de Protección Civil procederon á colocación dos carteis informativos na entrada deste pequeno areal, situado xunto ao paseo marítimo fronte á depuradora de augas residuais.

Segundo os datos trasladados pola administración autonómica, as mostras de auga foron tomadas o pasado mércores e a análise iniciouse o xoves 16, concluíndo o venres 17.

O resultado foi comunicado ao Concello pasadas as tres da tarde, cando as oficinas municipais xa estaban pechadas, polo que a notificación non se recibiu de maneira efectiva ata este luns, día 20.

O goberno local volveu reclamar á Xunta un sistema de comunicación dos resultados das análises "máis eficiente e eficaz", ao considerar que o aviso chega con demora respecto ao momento no que se detecta a incidencia.

Desde o Concello apuntan que, como xa ocorreu recentemente coa praia do Preguntoiro, cando se informa á cidadanía da restrición do baño é posible que o episodio contaminante xa rematase.

As análises realizadas en Canelas detectaron unha concentración de 2.005 NMP/100 ml de escherichia coli, por riba do límite máximo permitido, fixado en 800 NMP. Pola contra, os valores de enterococos intestinais situáronse en 137 NMP, por baixo do máximo establecido de 500 NMP.

O Concello manterá a recomendación de non bañarse na zona mentres non se dispoña de novos resultados que acrediten que a calidade da auga volveu aos parámetros esixidos.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora