O Concello de Vilagarcía vén de contratar un servizo de consultoría e asesoramento especializado para a axeitada xestión e conservación das árbores dos parques e zonas verdes municipais.
O contrato adxudicouse á empresa Arbogal por importe de 12.039 euros e inclúe tanto a realización de plans de xestións para os exemplares dos parques da Coca e A Xunqueira, como as labores de revisión e mantemento dos parques anteriormente avaliados e que xa dispoñen de plans semellantes.
O coidado e conservación das especies arbóreas dos parques e zonas verdes municipais co obxectivo de mantelas en bo estado e garantir a seguridade da cidadanía é unha das liñas de actuación na que a Concellería de Medio Ambiente, a través do servizo de Xardíns, leva traballando dende hai uns anos de forma directa e contando coa colaboración e o asesoramento externos de técnicos especializados en arboricultura.
Como xa se fixera hai uns anos nos parques da Compostela e Enrique Valdés Bermejo, nos Xardíns de Ravella, na Praza de España e na Alameda, os especialistas de Arbogal avaliarán unha por unha ás árbores da Coca e da Xunqueira coa finalidade de inventarialas e elaborar fichas individualizadas nas que se inclúan todos os datos de interese (identificación e descrición da especie, localización, estado de saúde, intervencións realizadas, tratamentos, recomendacións…). Este traballo permitirá facer un seguimento pormenorizado dos exemplares, detectar posibles afeccións dun xeito máis rápido e determinar as actuacións necesarias coa maior brevidade.
A maiores destes plans de xestión, dentro deste mesmo contrato, Argobal tamén revisará e fará seguimento das árbores dos parques que xa contan con estudos previos -Matosinhos, Alameda, Praza de España e Ravella- e realizará as tarefas de poda e tala en altura que se vaian precisando. Para a execución destes últimos traballos disporase de dous arboristas.
O seguimento constante e as intervencións nestas zonas, ademais de para mellorar a súa conservación, serven para previr riscos de desprendementos e roturas que poderían causar danos materiais ou persoais. De aí que as labores preventivas sexan imprescindibles.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.