Vilagarcía, finalista nos premios Bikefriendly 2023

O Salnés
11 de febreiro 2023

Opta ao galardón que concede a Rede de Cidades pola Bicicleta na categoría Educación e Promoción

O alcalde de Vilagarcía nunha marcha ciclista
O alcalde de Vilagarcía nunha marcha ciclista / Concello de Vilagarcía

A Rede de Cidades pola Bicicleta acaba de seleccionar a Vilagarcía como finalista dos Premios Bikefriendly 2023, na categoría de Educación e Promoción xunto con outras tres cidades: Vitoria-Gasteiz, Elche e Murcia. 

Independentemente do que finalmente falle o xurado o vindeiro 2 de marzo, o executivo local destaca que competir ao nivel de grandes cidades que contan con poboacións de entre 230.000 e 447.000 habitantes, é xa todo un premio para un municipio de tan só 37.600 veciños e cuns recursos e posibilidades limitadas ao seu tamaño.

Os Premios Bikefriendly son un recoñecemento que a Rede de Cidades pola Bicicleta concede anualmente ás administracións públicas que impulsan proxectos, iniciativas ou accións destinadas a fomentar e facilitar o uso cotiá da bicicleta, pero tamén son unha oportunidade para coñecer boas prácticas estatais que teñen a bicicleta como denominador común.

Aos premios deste ano presentáronse 39 candidaturas das que o xurado seleccionou ás mellor valoradas en cada unha das 8 categorías previstas nas bases. 

PROPOSTA PARA AUMENTAR AS AXUDAS DE INCLUSIÓN SOCIAL

Por outra banda, o vindeiro pleno ordinario do Concello de Vilagarcía, previsto para o xoves 23, debaterá unha proposta da concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Tania García, a fin de modificar as bases das Axudas Municipais de Inclusión Social polo "incremento notable" deste tipo de solicitudes trala pandemia e a crise económica derivada da guerra de Ucraína.

O obxecto é incrementar un 20% as axudas relativas á alimentación e a hixiene persoal. A contía total pasará, así, de 100.000 a 125.000 euros, e as axudas poderán chegar os 300 euros mensuais no caso de unidades familiares de 5 ou máis membros. As individuais serán de 60 euros/mes. A partir de aí vanse incrementando en función do número de membros da unidade familiar: 2, 120; 3, 180; 4, 240; 5 ou máis, 300.