Vilagarcía contará a medio prazo con unha plataforma de turismo intelixente que permitirá non só informar a quen visite a cidade dos seus atractivos, senón tamén ofrecer utilidades que lle farán máis doada a súa estancia.
Grazas ás técnicas de xeolocalización, a plataforma de turismo intelixente permitirá aos viaxeiros navegar de maneira sinxela polo destino, accedendo a información sobre lugares de interese e descubrindo rutas os espazos recomendados, ou obter unha oferta de servizo personalizado.
Do que se trata, destaca o goberno municipal, é de axudar a que os visitantes tomen decisións informadas e, nese sentido, non diferirá moito doutras aplicacións xa coñecidas, que permiten resolver calquera cuestión relacionada con destino en moi pouco tempo.
A novidade é a súa aplicación á mobilidade e a accesibilidade, un dos eixos fundamentais da acción de goberno. Deste xeito, dispoñer desta tecnoloxía non só beneficiará aos visitantes, senón tamén á propia veciñanza nos seus desprazamentos diarios.
Así, sexa turista ou veciño, antes de desprazarse dun lugar a outro poderase saber en tempo real o estado do tráfico e dos aparcamentos, permitindo tomar a mellor decisión sobre se utilizar unha ruta ou outra ou unha área de estacionamento ou outra.
Chegado o caso, a plataforma tamén permitirá facer un control dos accesos ás zonas peonís.
Esta é unha vella demanda de veciños e comerciantes, que ven como as normas e horarios de carga e descarga, por exemplo, non son sempre respectadas, ou como condutores particulares circulan polas zonas peonís cando non hai nada que o xustifique.
O investimento para crear esta plataforma será posible grazas á inclusión de Vilagarcía no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino, financiado a través dos fondos europeos Next Generation.