Vilagarcía pecha as Festas de San Roque co Desfile de Carrozas

O Salnés
22 de agosto 2022

Intensa fin de semana de actividades en Vilagarcía para pechar as Festas de San Roque coa celebración do Combate Naval, a 'Gala contra as guerras' do Festaclown e o tradicional Desfile de Carrozas polo centro da vila

Combate Naval 2022 en Vilagarcía de Arousa
Combate Naval 2022 en Vilagarcía de Arousa / Concello de Vilagarcía de Arousa

As festas de San Roque finalizan despois dunha fin de semana intensa cun espectacular Combate Naval. Ao longo do domingo tamén se desenvolveron diversas actividades que concluían coa 'Gala contra as guerras' do Festaclown na praza de Galicia, coa actuación de Pallasos en Rebeldía e, a continuación, cunha cita tradicional destas festas, o Desfile de Carrozas.

A música, a animación de rúa e a presenza de agrupacións folclóricas formaban parte desta comitiva seguida por numeroso público infantil. Nas carrozas tamén participaban decenas de escolares que realizaban o percorrido desde a estación de autobuses ata a praza de España.

O martes 23 de agosto continuarán as actividades culturais deste verán en Vilagarcía de Arousa. O Concello anuncia unha sesión de Cinema na Rúa, no campo da festa de Castrogudín a partir das 22.30 horas coa proxección da película 'Explota, explota'.