Vilagarcía pide á Xunta que pague 12 socorristas este verán, catro máis dos autorizados os últimos anos

O Salnés
26 de abril 2021

A Xunta de Goberno acordou na reunión celebrada este luns solicitar á Xunta estes 12 contratos a xornada completa e polo período de 3 meses, o máximo que permite a orde que regula as subvencións. Para isto solicítase unha subvención de 54.000 euros aos que o Concello deberá achegar 4.670 euros máis

Socorrista en Sanxenxo
Socorrista en Sanxenxo / Mónica Patxot

O Concello de Vilagarcía de Arousa solicitará á Xunta de Galicia a contratación de 12 socorristas para prestar o servizo de praias do municipio durante a temporada de verán. A cifra é a mesma que levan solicitando varios anos, pero o goberno galego non lla concedeu. Así, estas 12 contratacións supoñen catro prazas máis que as autorizadas nas últimas tempadas.

A Xunta de Goberno acordou na reunión celebrada este luns solicitar á Xunta estes 12 contratos a xornada completa e polo período de 3 meses, o máximo que permite a orde que regula as subvencións. Para isto solicítase unha subvención de 54.000 euros aos que o Concello deberá achegar 4.670 euros máis.

Nos últimas anos, a Xunta sempre acabou concedendo menos persoal e con contratos de menor duración, polo que o Concello tivo que asumir os custes correspondentes para garantir a cobertura do servizo de vixilancia e socorrismo nos tres areais do municipio: O Campanario, Preguntoiro e A Concha-Compostela.

En concreto, nos últimos anos só se concederon 8 prazas por 2 meses. Esta situación provocou que o Concello tivese que ampliar a súa achega ao plan, asumindo o custo de ampliación da duración deses 8 contratos un mes máis e, a maiores, contratar directamente a outros 4 socorristas, a xornada completa por 3 meses, para completar o plantel necesario.

A solicitude cúrsase ao abeiro do Programa de Fomento do Emprego e Mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais 2021. Agora, o Concello deberá esperar a que a Consellería de Economía, Emprego e Industria resolva a convocatoria para coñecer cantos contratos se financian este ano. 

Unha vez se coñeza a resolución da Xunta, o Concello remitirá a oferta ao Servizo Público de Emprego para que seleccione aos candidatos,.