Vilagarcía, Ponte Caldelas, Vilaboa e Bueu humanizarán viais en mal estado a través do Plan Concellos

Ponte Caldelas
19 de xullo 2021

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobaba este luns novas achegas para investimentos por un importe de 2,2 millóns de euros, que se reparten entre doce municipios da provincia

Obras na Rúa Sobrán
Obras na Rúa Sobrán / Concello de Vilagarcía de Arousa

600.715 euros destina o Plan Concellos da Deputación de Pontevedra a Vilagarcía de Arousa para que aborde a renovación e humanización da Rúa Sobrán.

Segundo indicou a presidenta provincial Carmela Silva se trata dunha actuación moi reclamada pola veciñanza e o proxecto contempla crear unha plataforma única con prioridade para peóns fronte á circulación en vehículos.

Tamén se renovarán as redes de servizos municipais e o soterramento das redes de baixa tensión, telecomunicacións e iluminación.

Pola súa banda, Bueu recibirá unha cantidade de 115.247 procedente da institución provincial para rehabilitar o firme da rúa do alcalde Johan Carballeira, no tramo que discorre entre a PO-315 e a Rúa de Montero Ríos. O estado desta calzada non é óptimo, segundo a Deputación, e está prevista a instalación de semáforos da PO-315 con Johan Carballeira.

A Xunta de Goberno da  Deputación tamén aprobou dentro da Liña 1 de investimentos do Plan Concellos unha axuda de 144.972, que se destinará á mellora da seguridade nos viais do núcleo de Vilarchán no municipio de Ponte Caldelas. Renovarase a capa de rodadura e a sinalización viaria, ademais de mellorar a seguridade desta zona.

Pola súa banda, Vilaboa recibirá dúas achegas, unha de 76.407 euros para poñer en valor o Camiño Interior de Santradán, en Santo Adrián de Cobres. Estas obras centraranse na pavimentación, instalación dun novo sistema de recollida de augas para favorecer a drenaxe e tamén se instalará iluminación con dispositivos led.

A segunda cantidade será de 83.256 euros para mellorar o Camiño do Toural ao Picho. Neste caso, está previsto instalar elementos de acougado de tráfico, renovar a sinalización, mellorar a drenaxe de pluviais e tamén revisar o firme da calzada.

Todas estas obras inclúense nestas novas entregas da Liña 1 de investimentos do Plan Concellos 2021 cun importe de 2,2 millóns de euros, que se reparten entre doce  concellos de toda a provincia, ademais dos catro citados tamén se benefician Agolada, Baiona, Cangas, Forcarei, O Porriño, Salceda, Tomiño e Vila de Cruces.

Carmela Silva sinalou que estes recursos permiten que a cidadanía viva onde decide contando cos mellores servizos e dereitos.