Vilagarcía restaurará a fonte de Castroagudín

O Salnés
28 de marzo 2022

O Concello de Vilagarcía restaurará a Fonte de Castroagudín, un ben patrimonial particular de Vilagarcía que reúne estilos artítisticos que van desde o Barroco da segunda metade do século XVIII, elementos eclécticos da segunda metade do XIX e outros máis recentes do século XX

Fonte de Castrogudín
Fonte de Castrogudín / Concello de Vilagarcía de Arousa

O Concello de Vilagarcía restaurará a Fonte de Castroagudín, un ben patrimonial particular de Vilagarcía que reúne estilos artítisticos que van desde o Barroco da segunda metade do século XVIII, elementos eclécticos da segunda metade do XIX e outros máis recentes do século XX.

A redacción do proxecto da obra, que chega despois da solicitude dos veciños da zona e doutros colectivos que reclamaron maior atención á fonte monumental deste lugar da parroquia de Cea, correrá a cargo da restauradora Iria López Baltar, a mesma profesional que recentemente realizou o traballo de rehabilitación da fachada principal da igrexa parroquial de Santa Baia retirando o monumento falanxista adherido á mesma.

López Baltar avaliará o estado da fonte e fará unha proposta de intervención, estando adxudicada a redacción do proxecto en 1.089 euros.

Esta fonte representa un ben patrimonial particular de Vilagarcía. Trátase dun elemento único que combina unha fonte (xerme do monumento) sobre a que se ergue unha fornela ou nicho ("hornacina") culminada por un cruceiro.

Reúne distintos estilos artísticos, desde elementos barrocos da segunda metade do século XVIII ata elementos eclécticos da segunda metade do XIX e outros máis recentes do século XX, así como elementos tradicionais que lle confiren un valor singular e o converten nun bo exemplo da evolución da expresión artística.

Destacan desde o Concello que hai uns anos promoveron a posta en valor dos cruceiros da cidade, realizando un estudo de rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico cultural, que culminou nunha ruta pola cidade e unha memoria. Nesta última figura unha ficha sobre a Fonte de Castroagudín, na que se xa entón se suxería a necesidade da limpeza do ben patrimonial.

Por outra banda, este elemento figura catalogada no Plan Xeral de Ordenación Municipal coa ficha PH63 e no inventario de bens municipais co número de matrícula 2907. Por esa razón, o proxecto, antes de ser efectivo, deberá contar coa autorización expresa da dirección xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.