A Policía Local de Vilagarcía tramitou ao longo do pasado ano 2021 un total de 4.017 denuncias por infraccións de circulación de vehículos tanto no ámbito da competencia municipal como no que corresponde á Dirección Xeral de Tráfico.
As infraccións máis numerosas con gran diferenza foron os estacionamentos indebidos e as de carácter "leve". Aínda así, desde a Policía Local indican que tamén tramitaron "un número significativo" de denuncias por infraccións graves e algunhas moi graves.
Nas que ten competencia o Concello tramitaron 3.443 expedientes. Delas, 2.163 foron diversos incumprimentos da normativa relativa aos estacionamentos: 495 foron por aparcar en zona de carga e descarga, 274 por facelo enriba da beirarrúa ou pasos de peóns, 256 por non respectar a sinal de estacionamento prohibido, 236 por estacionar nun carril da circulación, 207 en paradas de bus, 190 na zona do mercado, 163 en zonas peonís, 131 en zonas reservadas e 63 en prazas para discapacitados.
Tamén incoaron 148 expedientes sancionadores por incumprimento da normativa de estacionamento en zona azul.
As denuncias que máis preocupan son as de conducir baixo os efectos de alcohol e drogas, das cales tramitaron un total de 152. Delas 121 foron por superar a taxa máxima de alcoholemia permitida ao volante e 31 por conducir baixo os efectos de sustancias estupefacientes.
En canto á gravidade das infraccións cuxa resolución compete á administración local, 2.343 foron de carácter leve, 888 foron graves e 212 moi graves.
Por outra banda, nas denuncias correspondentes á Xefatura Provincial de Tráfico, os axentes da garda local remitiron 574 denuncias.
O maior número, un total de 369, responden a vehículos que non tiñan pasado ou actualizado a ITV, infracción tipificada como grave e que se sanciona con 200 euros; 129 foron por vehículos que carecían do seguro ou este non estaba en regra, infracción moi grave penada con multas de entre 601 e 3.500 euros e que conleva a retirada de puntos do carné de conducir; e, por último, as 76 denuncias restantes respondían a motivos diversos.