A Xunta de Galicia construirá en Vilagarcía de Arousa dez novas vivendas de promoción pública destinadas á venda, cun sistema de reserva que priorizará o acceso da mocidade e das familias con fillos. Así o anunciou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, quen avanzou tamén a saída a licitación das obras, cun orzamento próximo aos 1,9 millóns de euros.
Segundo explicou a conselleira, o obxectivo da actuación é facilitar a emancipación xuvenil e contribuír á fixación de poboación no municipio arousán.
Neste sentido, subliñou que o proxecto incorpora criterios de accesibilidade, sustentabilidade e eficiencia enerxética no deseño das futuras vivendas.
O edificio levantarase nun solo cedido polo Concello na zona de Marxión, nun emprazamento próximo á estación ferroviaria e á área comercial da vila.
A edificación contará con baixo e dúas alturas e albergará un total de dez fogares: oito de dous dormitorios e dous de tres. Unha das vivendas estará adaptada para persoas con mobilidade reducida. Todas elas disporán de praza de garaxe e rocho.
O sistema de adxudicación establecerá unha reserva do 25% das vivendas para menores de 36 anos e do 30% para persoas de entre 36 e 45 anos con fillos, co fin de favorecer o acceso á vivenda en colectivos con maiores dificultades de emancipación.
No exterior do inmoble prevese a creación de espazos comúns para uso veciñal, incluíndo unha zona de horto urbano na parte posterior da parcela, co obxectivo de promover a convivencia e o aproveitamento compartido do espazo.
A licitación xa foi publicada na Plataforma de Contratos de Galicia, polo que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 30 de xuño.
Unha vez adxudicadas as obras, o prazo de execución será de 18 meses. A conselleira sinalou a vontade do Goberno galego de axilizar os trámites para iniciar canto antes a construción e facer realidade este novo conxunto residencial.
Paralelamente, a Xunta mantén en marcha outro proxecto en Vilagarcía en colaboración co Concello, centrado no ámbito das Carolinas, onde se tramita un Proxecto de Interese Autonómico (PIA).
Esta actuación permitirá urbanizar solo para a construción de arredor de 350 vivendas, das cales o 80% terán algún tipo de protección pública. O proxecto atópase actualmente en fase de redacción e próximo a iniciar a súa avaliación ambiental.