Villares considera que as emendas de Marea Pontevedra aos orzamentos son "un orgullo"

Pontevedra
17 de decembro 2016

O portavoz de En Marea é citado por Marea Pontevedra na súa conta de Twitter. A agrupación política tamén lanza mensaxes na rede social explicando cales son as propostas que rexeita o BNG

Luis Villares no plenario de En Marea
Luis Villares no plenario de En Marea / En Marea

Luis Villares, o portavoz de En Marea, contestou á portavoz do BNG Ana Pontón, que saía publicamente esta semana para defender o goberno nacionalista de Fernández Lores en Pontevedra e facer un chamamento á En Marea e ao PSOE ante a súa negativa a apoiar os orzamentos do grupo de goberno de Pontevedra,

Marea Pontevedra, na súa conta de Twitter, cita a Luis Villares indicando que "as emendas de Marea aos orzamentos do Concello de Pontevedra son un orgullo". Deste xeito, o líder da formación tamén se posiciona e defende as decisións adoptadas ata o momento pola formación pontevedresa, que lidera Luis Rei.

A agrupación tamén publicou nas últimas horas outro chío no que inclúe unha fotografía ironizando sobre as políticas "de dereitas" que, afirman, o goberno de Pontevedra non quere e fai mención á renda social municipal, ao transporte metropolitano, o centro cívico de Lourizán e o rescate do servizo do abastecemento de auga.

Estas publicacións seguen a incrementar o clima de tensión por parte de todas as agrupacións con representación municipal previo ao pleno convocado para debatir os orzamentos que se desenvolverá o vindeiro luns no Teatro Principal de Pontevedra.