Os viños de Rías Baixas están presentes estes días na 39.ª edición do Salón Gourmets, que se desenvolve estes días no recinto de IFEMA de Madrid e finalizará o 16 de abril.
Estes viños atlánticos atópanse dentro do espazo institucional da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), onde ademais protagonizarán un Túnel do Viño con 25 marcas de diferentes coleccións e tipoloxías de viño.
No Túnel do Viño, os profesionais do sector (distribuidores, hostalaría, tendas especializadas, así como medios de comunicación) atoparán unha representación das colleitas 2025, 2024, 2023 e 2022, así como diferentes tipoloxías de viño que inclúen Espumosos de Calidade, elaboracións sobre lévedos, elaboracións de parcelas concretas…
Todo un universo do que é a D.O. Rías Baixas por explorar. Desprazouse ata alí a técnica de márketing Rosa Martínez.

SOBRE O SALÓN GOURMETS
A 39.ª edición do Salón Gourmets é a Feira Internacional de Alimentación e Bebidas de Calidade líder que converte a capital, ata este xoves, nun escaparate mundial do produto gourmet. Máis de 70.000 m², cheos de novidades, tendencias e actividades cun único protagonista, o produto de calidade.
Este salón brinda a oportunidade de percorrer España, e ata 31 países, a través dos seus produtos de delicatessen.
Este ano, Noruega exerce de País de Honra e Galicia de Comunidade Autónoma Invitada.

Ademais, esta 39.ª edición do Salón Gourmets reúne máis de 55.000 produtos chegados de todos os puntos do planeta, dispostos a sorprender máis de 110.000 visitantes profesionais esperados —dos cales se estima que máis de 15.000 serán compradores estranxeiros procedentes de máis de 90 países—.
En total, 1.993 expositores co seu catálogo de produtos, onde os viños de Rías Baixas amosarán as súas grandes calidades.