Vinte deseñadores exhibirán as súas coleccións de moda nunha nova edición de Debut

Pontevedra
13 de novembro 2019

A semana da moda de Pontevedra comezará o día 18 con tres xornadas de talleres para alumnos na Facultade de Belas Artes e concluirá o día 21 co tradicional desfile no Pazo da Cultura

Presentación de Debut 2019 na Casa das Campás
Presentación de Debut 2019 na Casa das Campás / PontevedraViva

Todas as miradas da moda galega centraranse en Pontevedra a partir da próxima semana. A décimo terceira edición de Debut, o evento de deseño téxtil que combina o desfile coa formación a creadores, celébrase na cidade do Lérez entre o 18 e o 21 de novembro. 

Unha das novidades desta edición pasa pola concesión dunha bolsa valorada en 3.000 euros, por parte do Centro Comercial Gran Vía de Vigo, que se une este ano como colaborador de Debut, ao deseñador que presente a colección máis comercial.

Ademais, o beneficiario terá a oportunidade de participar en campañas destes grandes almacéns relacionadas coa moda. Non é o único premio que outorga este evento. Como é habitual as dúas mellores coleccións elixidas polo xurado recibirán o galardón Jesús Peiró.

O acto máis esperado, o desfile de moda, está previsto para as 20 horas do xoves, día 21. No Pazo da Cultura e con acceso gratuíto para o público previa reserva de praza, os asistentes terán a oportunidade de contemplar as coleccións creadas por unha vintena de alumnos, que no caso dos matriculados en Esdemga, presentarán os seus proxectos de fin de estudos; e os estudantes do Máster Universitario en Deseño e Dirección Creativa de Moda, ensinarán o seu traballo de fin de máster.

A semana da moda pontevedresa comezará o luns 18 cun workshop a cargo de Anastasia Pistofidou, experta en biomateriales e directora do laboratorio de investigación FabTextile. Trátase dun taller pensado para alumnos, que terá lugar na Facultade de Belas Artes en horario de mañá e tarde. Ao mesmo tempo, Daniel Garzee, fotógrafo e creativo no departamento de comunicación de Bimba e Lola; dará unha clase mestra sobre postproducción para fotografía de moda. 

Ao día seguinte, Ángeles Manzanares instruirá aos estudantes na redacción de curríulums e orientaraos na procura de prácticas laborais. Pola tarde, Jacobo Barral dará continuidade a unha xornada dedicada á inserción laboral cunha charla centrada na preparación de entrevistas de traballo e procesos de selección.

A última xornada de talleres terá ao chapeu Félix Pérez, que dirixirá un obradoiro sobre técnicas de iniciación ao traballo con plumas; e a Elinor Renfrew, directora do departamento de Moda da Kingston University para falar sobre o desenvolvemento dunha colección de moda.

"É un ano especial porque se presentan as coleccións finais de Esdemga e as primeiras do máster", dixo Lola Dopico, directora de Esdemga e do máster Universitario en Deseño e Dirección Creativa de Moda, durante a presentación do programa Debut 2019, que tivo lugar este mércores na Casa das Campás coa presenza de directivos da Universidade de Vigo, da Facultade de Belas Artes e coa concelleira de Cultura, Carmen Fouces, que definiu esta iniciativa como "unha ponte" entre o mundo académico e o laboral.