Vinte e tres mulleres contan con protección da Policía Local de Pontevedra como vítimas da violencia machista. Así se recolle na memoria de 2020 que, sobre este tipo de delitos, difundiu este mércores o goberno municipal.
Ningunha delas presenta nestes momentos risco alto, aínda que a Policía Local matiza que en momentos puntuais foron ata sete os casos que tiñan esa consideración.
Hai tres mulleres en risco medio, doce en risco baixo e cinco en risco non apreciado. Noutros tres casos non consta dita valoración, tal e como reflicte esta memoria.
A este respecto, desde a Policía Local sinalan que cando as vítimas pasan a un nivel alto e este mantense durante un tempo, o protocolo establece que pasen a ser protexidas pola Policía Nacional. Este cambio, advirten, "non é o máis conveniente" para as vítimas.
Entenden que provoca nestas mulleres unha "nova victimización" ao ter que relatar de novo a súa experiencia a outros axentes. Ademais, apuntan a que se pode perder información sobre as intervencións relativas a estes casos.
NOVE DETIDOS EN 2020
Ao longo de 2020, os axentes da Policía Local practicaron nove detencións por delitos relacionados coa violencia de xénero e a violencia doméstica. Ademais, outros quince homes foron imputados por algún destes episodios.
Oito dos detidos foron por protagonizar malos tratos cara as súas parellas, mentres que outro foi arrestado por quebrantar unha orde de afastamento.
En concreto, a Policía Local de Pontevedra interveu en once casos de malos tratos durante 2020, un menos que o ano anterior. Noutras doce ocasións fixérono despois de que se saltasen ordes de afastamento destes homes con respecto ás súas ex parellas.
Son cifras similares ás rexistradas en 2019, ano que marcou un récord neste tipo de intervencións, con 24 entre delitos de malos tratos e quebrantamentos.
En canto aos casos por violencia doméstica, 2020 marcou o seu mínimo desde 2012 cunha única intervención por parte da Policía Local.