O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou este mércores que a Deputación vén de recibir 20 ofertas de empresas construtoras para a instalación de case 600 redutores físicos de velocidade ao abeiro do Plan de Mobilidade e Velocidade Seguras (MÓVESE).
O nacionalista lembrou que o montante total da actuación, que se dividiu en catro lotes para axilizar a execución dos traballos, ascende a un total de 3.866.380 euros.
Na mesa de contratación celebrada este mércores na institución provincial coñecéronse as propostas técnicas das diferentes firmas. Cada empresa só poderá ser adxudicataria dun dos lotes, cuestión que se recolleu no prego coa finalidade de axilizar os traballos (as catro firmas poderán executar as obras de xeito simultáneo nas diferentes áreas) e tamén de diversificar as contratacións (e facilitar a presentación de ofertas a empresas locais de menor tamaño).
Segundo explicou o deputado Benítez, co Plan MÓVESE instalaranse nas estradas provinciais de 46 concellos da provincia un total de 337 pasos de peóns sobreelevados –coñecidos como lombos- e 260 redutores de velocidade para vehículos, proxectados de maneira independente e con características técnicas adaptadas ás vías nas que se constrúen.
Benítez destacou que a violencia viaria é un problema evitable causado, principalmente, polo exceso de velocidade. Por iso dende a Deputación se quere actuar sobre ela. "Podemos poñer radares, sinais, multas, pero a única actuación efectiva para baixar velocidades e reducir accidentes e feridos é instalar redutores físicos que fagan que os coches freen", subliñou.
Foron os gobernos locais os que remitiron as súas solicitudes para instalar lombos, que chegaron a ser máis dun milleiro, e logo foron valoradas polos técnicos provinciais. Practicamente actuarase en todas as vías nas que houbo solicitudes, se ben deixáronse fóra estradas nas que están previstas ou en redacción outro tipo de actuacións máis globais.