Vinte proxectos empresariais innovadores maduran no quinto coworking de Vilanova de Arousa

O Salnés
03 de xuño 2022

O delegado territorial en Pontevedra, Luis López, e o alcalde, Gonzalo Durán, coñeceron as iniciativas da man do director, Ramón Tubío, e do equipo de titores, que acompañaron e apoiaron 76 proxectos nas catro edicións anteriores

Visita do delegado da Xunta, Luís Lopez, ao Coworking de Vilanova de Arousa
Visita do delegado da Xunta, Luís Lopez, ao Coworking de Vilanova de Arousa / Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia busca favorecer o emprendemento de vinte proxectos empresariais na comarca do Salnés a través da quinta edición do Espazo Coworking de Vilanova de Arousa, que se desenvolve dende finais do primeiro trimestre no Pazo de Vista Real.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde, Gonzalo Durán, e do tenente de alcalde, Javier Tourís, coñeceu esta mañá as iniciativas que se están a impulsar da man do director, Ramón Tubío, e do equipo de titores, que acompañaron e apoiaron 76 proxectos nas catro edicións anteriores dos que xurdiron 38 novas empresas e 55 postos de traballo creados na bisbarra arousana.

Na actualidade, neste Espazo Coworking están en marcha vinte proxectos, dos cales 12 están impulsados por mulleres e tres por emigrantes retornados, de sectores moi diversos e con posibilidades de éxito pola demanda e necesidades do mercado, como o turismo de aventura, a creatividade, os produtos do mar, a economía dixital, a alimentación, o deporte, a sostibilidade, as axencias de viaxes, o paisaxismo, o enoturismo, comunicación e eventos, patronaxe, a fotografía especializada, o turismo de luxo, o aloxamento ou a industria musical, entre outros.

“O crecemento empresarial e a xeración de riqueza en Galicia, que van moi por riba da media nacional nos últimos anos, non é casualidade e débese ao valor e inxenio dos emprendedores e ao apoio transversal da Xunta que, no caso da xente máis nova e das ideas máis creativas, plásmase neste apoio, sobre todo no ámbito rural, con case 400 empresas creadas e máis de 600 empregos a través dos Espazos Coworking”, explicou o representante autonómico.