'Violencia Zero' instalala un mural reivindicativo en Bueu

Bueu
03 de agosto 2021

O Centro Social do Mar de Bueu conta desde este martes cun mural de grandes dimensións titulado  "A contradición como potencia", realizado por Milu Correch. A artista levou a cabo esta obra no marco do programa da Deputación "Mulleres en Acción. Violencia Zero"

Inauguración do mural de Milu Correch "A contradición como potencia" no Centro Social do Mar de Bueu
Inauguración do mural de Milu Correch "A contradición como potencia" no Centro Social do Mar de Bueu / Deputación de Pontevedra

O Centro Social do Mar de Bueu conta desde este martes cun mural de grandes dimensións titulado  "A contradición como potencia", realizado por Milu Correch. A artista levou a cabo esta obra no marco do programa da Deputación "Mulleres en Acción. Violencia Zero".

A inauguración contou coa presenza da presidenta provincial, Carmela Silva; a deputada de Igualdade, Victoria Alonso; o alcalde de Bueu, Félix Juncal; e membros da corporación local.

Neste mural, ao igual que na meirande parte da obra de Milu Correch, a muller xoga un papel destacado, a través de dúas figuras femininas abrazadas, arroupándose e apoiándose, nunha escena na que se intúe unha situación de vulnerabilidade e abatemento por parte dunha delas. A artista deixa na mirada das persoas espectadoras as distintas interpretacións que esta situación pode ter.

Ademais, o mural amosa corpos femininos afastados dos estereotipos impostos pola sociedade e que normalizan e poñen en valor a diversidade nas persoas. Durante o seu proceso de creación, Milu Correch estivo acompañada pola veciñanza de Bueu, quen se interesou en todo momento pola obra e a quen a artista agradeceu o agarimo que lle amosou durante os días que estivo subida a un guindastre para poder chegar a todos os recunchos da fachada lateral do Centro Social do Mar.  

Na súa intervención, a presidenta quixo lembrar ás 28 mulleres asasinadas por violencia machista no que vai de ano e puxo a xuño como exemplo dun "mes negro" con nove feminicidios. "Se os asasinatos foran por calquera outro motivo estaríamos na rúa dicindo que é insoportable. Non son cifras, son mulleres con nome, apelidos e fillas e fillos que quedan orfos", declaraba.

O alcalde de Bueu subscribiu as palabras de Carmela Silva ao asegurar que "a forza das mulleres a nivel mundial é algo imparable aínda que segue habendo contradicións na sociedade posto que aos homes tamén nos custa cambiar esas mentalidades nas que fomos educados e coas que medramos". Para Félix Juncal o Centro Social é agora un lugar "transformado que se converteu nun espazo de igualdade" e deixou sobre a mesa a posibilidade de renomear a praza fronte á que se sitúa o mural como "Praza de Igualdade".